Friday 03 de May de 2024

Román Rodríguez enxalza a contribución da cociña tradicional para que Galicia medre como destino enogastronómico


O conselleiro de Cultura e Turismo recibiu hoxe a insignia de ouro da asociación Restaurantes de Buena Mesa, que celebra en Galicia a súa asamblea anual

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, re hoxe a importancia de que a tradición culinaria galega se estea a transmitir de xeración en xeración para que Galicia continúe a medrar como destino enogastronómico. Así o manifestou hoxe na Coruña no transcurso dos actos da asamblea anual da Asociación Restaurantes de Buena Mesa, entidade con socios de toda España que se distinguen por pertencer desde a súa fundación a unha mesma familia e por defender a cociña tradicional.

Durante o acto, o concelleiro de Cultura e Turismo recibiu a insignia de ouro desta entidade recordando a importancia que o sector galego tivo á hora de obter este recoñecemento. Puxo en valor aos profesionais por ser “dignos herdeiros dos sabores auténticos e dos saberes culinarios transmitidos de xeración en xeración”, tendo en conta que en Galicia a gastronomía é entendida por moitos profesionais como un xeito de regresar ás orixes sen renunciar á profesionalización e vangarda.

Neste sentido, recordou o potencial da Comunidade galega como destino enogastronómico, con máis de 2.000 recursos asociados á gastronomía, desde pequenos produtores ou explotacións gandeiras, ata lonxas, mercados de abastos ou restaurantes, moitos deles premiados –con 38 Soles Repsol e 11 Estrelas Michelín– así como un gran patrimonio inmaterial como as máis de 300 festas enogastronómicas galegas, entre outros recursos.

O acto celebrado hoxe na Coruña enmárcase nas accións da asamblea anual desta asociación, que este ano se celebra en Galicia. Restaurantes de Buena Mesa está formado por preto dun cententar de restaurantes herdeiros da tradición culinaria de España.